miércoles, 4 de marzo de 2009

A primeira escola hípica de Tui iniciará a súa actividade con dez persoas inscritas


Ocupa 10.000 metros cadrados arrendados á comunidade de montes de Pexegueiro

A primeira escola hípica de Tui comezará a funcionar a principios de abril cunhas dez persoas inscritas, a máis pequena unha nena de 3 anos de idade. A escola chámase "Equigalia" e conta con Elvira Crespo Conde como xerente e profesora titulada de equitación pola Federación Hípica Galega.

Trátase dunha iniciativa privada que se orzou fai tres anos en 190.000 euros e á que se lle concederon varias subvencións, optando os promotores pola outorgada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dentro do programa de Dinamización do Medio, que financia o 40% do orzamento. O total da obra calcúlase agora en 300.000 euros.

As instalacións, aínda por rematar, ocupan 10.000 metros cadrados de terreos arrendados á comunidade de montes de Pexegueiro (Tui), que fai tres anos votou por unanimidade da asemblea esta concesión.
Elvira Crespo, acompañada pola súa filla Marta, mostra a obra e presenta aos seus cabalos e eguas "Casper", "Barbie", "Bell", "Calipher", "Dominou"...., e ao pony "Copito". Son cruces, moi domados, con idades entre os cinco e dez anos. Ocupan uns flamantes boxes dos 21 que ten a instalación, que ademais dispón dunha pista cuberta de 800 m2, unha pista exterior de 2.800 m2. e ata unha salita de estar con vistas á pista cuberta, para que as nais e pais dos xinetes infantís poidan contemplarlles e, de paso, tomar un café.

A escola impartirá os niveis de: adaptación (para os nenos menores de 6 anos), iniciación á doma e salto. Máis adiante implantaranse outros niveis, de acordo coa demanda. Na instalación tamén se presta o servizo de pupilaje de cabalos, ao prezo de 250 euros mensuais, que inclúe alimentación, cama, limpeza e coidados. As clases impartiranse de martes a domingo, desde as 10.00 ás 20.00 horas.
Os prezos serán de 50 euros mensuais por catro clases dunha hora de duración. Os menores de 6 anos pagarían 35 euros mensuais por 4 clases de media hora. Grupos infantís, a partir de catro asistentes, pagarían cada un 40 euros mensuais por 4 clases dunha hora.

Por outra banda, creouse o Club Hípico Equigalia, co fin de organizar actividades hípicas a nivel municipal e comarcal, incluídos concursos hípicos, para o que se iniciarán os contactos co Concello de Tui, a fin de iniciar actividades en 2010.

Fonte: farodevigo