miércoles, 18 de marzo de 2009

Hoxe ás 20h inaugurase a quinta edición de Play-Doc

Toda a actualidade de Tui



Proxectarase "Cianose" e "O Biatlón" ás 21h, e "Amores Cegos" ás 22.30h

Hoxe mércores, 18 de marzo, ás 20h terá lugar a inauguración oficial de Play-Doc, o V Festival Internacional de Documentais de Tui. Ao longo de cinco días Tui converterase na capital do "cine do real" coa proxección de 31 documentais da máis variada procedencia. A sede do Festival está na Área Panorámica.

A inauguración oficial correrá a cargo do Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Jose Fernández Iglesias, do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o deputado provincial e Alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, e os directores de Play-Doc Sara García e Ángel Sánchez, xunto a outras autoridades

De forma paralela as autoridades visitarán a exposición de Jamshid Aminfar que expón na Sala Municipal. Este é precisamente o protagonista do primeiro documental a proxectar "Cianose". En Tui estará a súa directora, a iraniana Rokhsareh Ghaemmaghami, para presentar o seu traballo. No mesmo narra a historia de Jamshid Aminfar, un home que pese as súas limitacións está disposto a lograr o seu obxectivo: pintar. A súa obra pódese ver en Tui até o domingo na Sala Municipal na Área Panorámica, na que é a súa primeira exposición internacional. Este documental compite na sección oficial de curtametraxes.

Esta será a primeira das películas que se poderán ver na función das 21h. Na mesma sesión o público poderá contemplar o primeiro documental en exhibición do polaco Bogdan Dziworski, a quen Play-Doc dedica este ano unha retrospectiva. O propio director presentará "O Biatlón", unha curtametraxe de doce minutos de gran beleza filmica na que retrata o risco do esquí.

O amor é un dos temas recorrentes na edición deste ano de Play-Doc coma poderemos comprobar en "Amores Cegos" que se proxectará ás 22.30h. Este documental de Juraj Lehotský compite na sección oficial de longametraxes. No mesmo plásmase con fermosura a relación de amor e de supervivencia das persoas invidentes.

Fonte: concellotui.org

Vidas de cine de autor

Toda a actualidade de Tui

Play-Doc Festival de Documentais leva á cidade un taller de "retrato filmado"


Palmira Paramos e Diana Gonçalves, nun descanso da rodaxe

Cámaras en acción, novos realizadores concentrados e reflexivos. Nos seus obxectivos, persoas que residen en Tui e arredores coas que conviven durante uns días para coñecelas e facer un "retrato filmado" que formará parte dunha película "coral", na que se reflectirá un labor con gran peso emocional, dentro do programa paralelo a Play-Doc Festival Internacional de Documentais que se inaugura ás 20.00 horas de hoxe, no Teatro Municipal.

Unha das "estrelas" protagonista é Palmira Paramos Filgueira, de 106 anos de idade, coñecida como "a avoa de Tui". Ao seu lado, sen perder detalle, está a realizadora tudense Diana Gonçalves. Atando a viña, cun pedazo de vimbia entre os beizos, a anciá aseguraba moi firme que "non teño nervios coa cámara". Valora os intres que "estamos a falar as dúas" e non se priva de contar os malos momentos que vive ao ter unha nora hospitalizada. Diana Gonçalves conta que "quero reflectir de Palmira os seus 106 anos de experiencia, a soidade, o silencio e unha vida moi dura".

Resalta "a distancia que hai entre ela e eu e a comprensión existente entre as dúas.

A coordinadora do taller, Marta Andreu, responsable do Máster de Creación Documental da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, relataba onte como naceu a idea de
"retrato filmado e a de convivencia que achegou a organización. Precisa que o obxectivo é unha película "coral" onde cada personaxe expón algo distinto. "Para min é estar inaugurando un modelo de traballo onde se pon a proba a linguaxe cinematográfica con acento na mirada, capturando certa verdade", di.

Fonte: farodevigo

Tui ‘adopta’ cineastas

Toda a actualidade de Tui


Play-Doc, Festival Internacional de Documentais abre a convocatoria para participar nun seminario obradoiro impartido polo prestixioso director lituano Audrius Stonys.

Co gallo da celebración da súa quinta edición, o Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, pon en marcha un particular seminario / obradoiro no que os habitantes de Tui serán os protagonistas. Baixo o título O Retrato Filmado, un pequeno número de realizadores retratará a un número de habitantes de Tui e/ou arredores, mediante unha peza documental de curta duración que se proxectará durante o festival. Como parte do exercicio os cineastas serán acollidos polas persoas a retratar e convivir, por uns días, xunto a eles nos seus fogares.

O obxectivo do obradoiro, realizado garzas a colaboración da Axencia Audiovisual Galega, é crear un espazo de reflexión sobre a creación, que sirva para entender como se constrúe a mirada cinematográfica, e a relación que se establece entre quen filma e quen é filmado. O resultado será un conxunto de retratos filmados, que conformarán unha sorte de retrato coral de Tui e os seus habitantes, que deste xeito poderán participar activamente no festival.

Coordinado polo multipremiado director lituano Audrius Stonys e Marta Andreu, produtora e coordinadora académica do Master de Creación Documental da UPF de Barcelona, o obradoiro/seminario “O Retrato Filmado”, levarase a cabo paralelamente ao festival, cuxas datas serán do 18 ao 22 de marzo próximos.

A convocatoria para participar, tanto para realizadores como para os tudenses que desexen vivir esta experiencia, estará aberta desde agora até o 28 de febreiro de 2009. Máis información en www.play-doc.com

Play-Doc prepárase para presentar a súa quinta edición
En breve darase a coñecer a programación desta nova edición de Play-Doc que unha vez máis, presentará unha interesante selección de películas procedentes de todo o mundo, así como unha serie de eventos paralelos como concertos e exposicións, e algunha que outra sorpresa máis. Play-Doc, no seu quinto aniversario, promete non defraudar.

Fonte: apeneiradobaixomiño

A Federación de Empresarios do Baixo Miño pon a disposición dos asociados a segunda parte dun manual sobre os a utilización do galego como ferramenta

Toda a actualidade de Tui

A Federación de Empresarios do Baixo Miño (FEBAM), en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria, volve a por á disposición dos seus asociados a segunda parte do manual 'Galicia vende: Os dereitos lingüísticos como ferramenta estratéxica e competitiva".

Neste segundo título abórdanse unha relación de termos e expresións empregadas habitualmente na actividade comercial dende unha perspectiva sectorial, mentres que no primeiro o que se pretendía era dotar ós comerciantes dunha guía de fácil consulta sobre o vocabulario e as expresións e tamén os erros máis frecuentes en galego.

Fonte: VM