A primeira visita oficial do ditador foi o 22 de agosto de 1968 para a inauguración do Parador de Turismo San Telmo

Franco (I) escoita as explicacións do arquitecto Pons Sorolla no claustro da catedral, nun dos actos da súa visita a Tui para inaugurar o parador, en agosto de 1968
Francisco Franco Bahamonde, xefe do Estado de España durante corenta anos, realizou a súa primeira visita oficial a Tui o 22 de agosto de 1968, para inaugurar o Parador de Turismo San Telmo. Foi un acontecemento na localidade, como reflectiron entón os rotativos, mentres Televisión Española transmitía en directo os actos. Pasados os anos, a corporación municipal de Tui tratará na sesión plenaria do próximo xoves a retirada da Medalla de Ouro da Cidade concedida ao ditador o 24 de agosto daquel ano.
O ditame da comisión informativa de Benestar Social baséase na moción presentada polo BNG, que se cingue á Lei de Memoria Histórica.
O Boletín Informativo de Tui daquel tempo, que gardan coleccionistas, recolle pormenorizadamente os detalles da visita que, dous días despois, levaría o acordo da corporación municipal de conceder a Medalla de Ouro ao entón caudillo.
Franco desembarcara co seu iate "Azor" en Baiona, acompañado da súa esposa Carmen Polo. Sobre as sete da tarde era recibido oficialmente na praza de San Fernando pola primeira autoridade municipal de entón, José Casal Aboy, así como polo ministro de Información e Turismo, entón Manuel Fraga, entre outros cargos. Entraron baixo palio na catedral, sendo bispo frei José López Ortiz. Despois a comitiva percorreu o claustro, onde Franco tivo información das obras que se realizaron na sede episcopal por parte dos arquitectos García Lama e Pons Sorolla.
En automóbil percorreu despois as principais rúas de Tui, repletas de público, e dirixiuse ao Parador de Turismo, onde Fraga, como ministro, destacou a finalidade da instalación "neste paso fronteirizo que, no ano 1967, rexistrou 1.275.200 visitantes portugueses", dixo daquela.
Houbo cea fría e lanzamento de fogos de artificio. Para rematar, representouse a obra "Eterno Tui", dirixida por Roberto Carpio, con guión de Antonio Gala e representada por actores de TVE e extras locais para toda España.
Dous días despois desa xornada e co Parador de Turismo recentemente inaugurado, a corporación que presidía José Casal Aboy acordou conceder a Franco a Medalla de Ouro da Cidade agora en dúbida.
Adhesión do municipio á Marcha Mundial pola Paz
Na mesma sesión plenaria a corporación decidirá a adhesión do Concello á Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia que pasará por Tui o día un de novembro, sumándose así a adhesións de xefes de Estado de diversos países e personalidades mundiais de todos os ámbitos, como vén divulgando.
Outros asuntos que debaterán os concelleiros tudenses serán a celebración do 30 aniversario da celebración das primeiras eleccións democráticas en España, segundo o ditame da Comisión Informativa de Benestar Social, sobre a moción presentada polo PSOE quen manifestou o seu desexo de que estivesen presentes todos os que formaron parte da corporación municipal tudense naquel período.
No punto cuarto tratarase o ditame da mesma comisión sobre a proposta do alcalde-presidente relativa á presentación dunha solicitude á Xunta para dispor dun regulamento a aplicar ao xogo do bingo que realizan entidades sen ánimo de lucro.
Fonte: farodevigo
Artigo orixinal: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009032400_3_309215__Comarcas-Concello-debate-retirada-medalla-ciudad-Franco (artigo en castelán)
No hay comentarios:
Publicar un comentario